Fundación Secretariado Gitano
 
Quiénes somosCentro de documentaciónSala de prensaAgendaColabora con FSGContacto
Galicia
   
La Comunidad Gitana en Galicia



A COMUNIDADE XITANA NO 2007

Despois de dous anos de importantes avances institucionais no recoñecemento da comunidade xitana en Galicia, o ano 2007 supuxo un paso adiante á hora de poñer en marcha unha serie de iniciativas concretas para a mellora das condicións de vida e do recoñecemento institucional da poboación xitana. Ademais, produciuse un importante progreso na actualización dos estudos sociais referidos á poboación xitana na comunidade autónoma de Galicia. Pero a posta en marcha destas iniciativas non estivo exenta de tensións, agromando unha perigosa conciencia de rexeitamento colectivo da convivencia, especialmente agudo contra as familias xitanas que están en peor situación social.


O recoñecemento da situación de desvantaxe da comunidade xitana en Galicia respecto dos niveis de vida, de benestar e de participación social, e da discriminación existente tivo o seu punto culminante no Informe Extraordinario do Valedor do Pobo titulado “Situación da poboación xitana en Galicia”, presentado en outono de 2005. Tras este importante fito, a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral do Benestar, da Vicepresidencia para a Igualdade e o Benestar, elaborou un “Plan Integral para o Desenvolvemento e a Convivencia da Poboación Xitana de Galicia”. Este Plan contou coa participación da práctica totalidade das Administracións Locais con poboación xitana, cos profesionais e, nomeadamente, co impulso das Asociacións Xitanas de Galicia. Os traballos estiveron coordinados pola Fundación Secretariado Gitano dando orixe a un documento de traballo que recolle un diagnóstico, fai un planeamento sistemático das prioridades, propón liñas de accións, achega un instrumento financeiro adicional ao existente e propón unha sistemática para a avaliación das accións realizadas.



Durante o ano 2007 produciuse a incorporación efectiva do conxunto dos elementos do Plan Integral, coa incorporación do convocatoria do Plan de Desenvolvemento Xitano no marco do Plan Concertado, así como a achega ordinaria de fondos adicionais da Vicepresidencia ao Plan Xitano, co obxecto de convertelo nun auténtico Plan Integral. Ademais, a propia lóxica administrativa deulle prioridade ás liñas programáticas identificadas no Plan, coincidentes coas necesidades máis perentorias da comunidade xitana en Galicia. Por último, realizouse unha avaliación compartida do desenvolvemento do Plan entre a Xunta de Galicia e as Administracións Locais implicadas, co obxecto de incorporar elementos de revisión e de mellora continua ao propio Plan.


Unha das liñas máis importantes de traballo centrouse arredor da vivenda. En efecto, existe un importante diferencial da comunidade xitana en Galicia no patrón de acceso á vivenda, non só en relación co conxunto da poboación galega, senón tamén respecto da poboación xitana española. Para a abordaxe desta cuestión, realizáronse accións de coñecemento científico, outras de análise da situación e propostas de actuación e, finalmente, actuacións de carácter urxente nos ámbitos que o requiriron.

Na liña de traballo sobre coñecemento da realidade, realizouse o traballo de campo para o Estudo-Mapa sobre a Vivenda e a Comunidade Xitana en España 2007, e completouse o traballo “O Chabolismo en Galicia. Informe de situación 2007”, comezado durante o ano anterior. Para analizar os datos e realizar propostas celebrouse, a nivel autonómico, un seminario sobre “Comunidade xitana e vivenda: a erradicación do chabolismo en Galicia”,  a instancias da Consellería de Vivenda, e coa participación do Vicepresidente, Anxo Quintana, da Conselleira de Vivenda, Teresa Táboas e do profesor da Universidade de Barcelona Domènec Sibina. Tamén se realizou un seminario sobre a situación e o futuro do asentamento de Penamoa, en A Coruña. Finalmente, no eido da intervención, intensificouse a intervención realizada en O Bao, concello de Poio, coa participación do Concello e a Consellería de Vivenda, e o traballo de campo realizado polos servizos sociais municipais e, sobre todo, polo persoal técnico da propia Fundación Secretariado Gitano.


Tamén progresaron outros ámbitos dos coñecemento da realidade, como pode ser o da saúde ou, nomeadamente, o do emprego, coa realización do traballo de campo para un informe sobre a situación laboral da comunidade xitana en Galicia que debe ser decisiva para o futuro, apuntando importantes liñas de avance nos últimos anos, ao tempo que graves carencias que aínda deben ser corrixidas para acadar a cidadanía plena mediante a inserción laboral.


Sen embargo, os importantes avances comentados atoparon cunha clara dificultade ante a realidade da discriminación da comunidade xitana. Ademais das dificultades que veñen sendo comúns, como un grao de rexeitamento baixo pero persistente no mundo laboral, e unha gravísima dificultade para acceder a unha vivenda de alugueiro en condicións e mercado, xunto con indicios de restriccións inxustificadas no acceso a bens e servizos, apareceu un movemento máis explícito de discriminación directa da comunidade xitana. Este movemento tivo a súa estrea no “caso Vilarchán”, cando os veciños deste lugar do concello de Ponte Caldelas compraron conxuntamente unha vivenda para impedir que o fixese unha familia xitana do lugar Bao (Poio). Logo, cando se produciu o derrubo xudicial das vivendas infractoras do Bao houbo unha concatenación de sucesos discriminatorios, desde asembleas veciñais e manifestacións en diversos barrios e lugares dos concellos de Poio, Pontevedra e Ponte Caldelas, ata a non admisión ou a expulsión de certos establecementos hostaleiros do Concello de Sanxenxo, pasando por reivindicacións políticas e veciñais contra as familias xitanas do Bao noutros concellos limítrofes (Barro, Marín, Vilaboa...).




Así, pechamos o ano 2007 cun coñecemento da realidade xitana actualizado e máis fondo que o existente ata o momento, cun recoñecemento da mesma por parte das Administracións Públicas e dunha parte importante da sociedade, e con importantes proxectos en marcha que teñen por obxecto acadar a normalización da situación social da poboación xitana. Sen embargo, aparece no horizonte o gran reto de frear a discriminación, non só como un feito social invisible e relativamente aillado, senón como un movemento social que vai tomando corpo e que ameaza con bloquear os intentos de mellora das condicións de vida e de acceso aos dereitos de cidadanía por parte da comunidade xitana.

Santiago González Avión. Director Territorial da FSG en Galicia.

 

   
© 2005 Fundación Secretariado Gitano| Privacidad | Trabaja con nosotros
Quiénes somos Centro de documentación Colabora con FSG Contacto Conoce todas nuestras sedes Sala de prensa Agenda