Eleccións de líderes para una Europa Social [editar]

A finais deste ano 2014, as partidas dos Fondos Europeos que recibirá Galicia ata o 2020 deberán pecharse e decidir a que fins van destinados os cartos. Neste contexto, as 125 entidades e organizacións sen ánimo de lucro representadas en EAPN-Galicia amosan a súa preocupación polo cumprimento da normativa europea no reparto dos fondos procedentes de Bruxelas.
Dende a Rede Galega de Loita contra a Pobreza lembran que a Unión Europea desenvolveu unha normativa na que especifica que unha parte dos cartos que reciben os Estados membro deben destinarse obrigatoriamente á loita contra a pobreza e a exclusión social. Dos 2.101 millóns de euros que recibirá Galicia directamente entre o 2014 e o 2020, unha porcentaxe importante (que se concretará na rolda de prensa) debería investirse en actuacións deste tipo.
A piques de comezar a campaña electoral ao Parlamento Europeo, as organizacións galegas do Terceiro Sector de acción social integradas en EAPN-Galicia aproveitamos para reclamar o cumprimento desta normativa e animamos á cidadanía a votar para defender un modelo social europeo que loite pola igualdade e os dereitos das persoas.
Neste acto, no que falará o presidente de EAPN Galicia, David Silva, acompañado polo resto da Xunta Directiva e representantes de organizacións sociais; presentaránse unha serie de propostas para o reparto dos fondos europeos ( Fondo Social Europeo, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural) que lles faremos chegar aos candidatos de cada un dos partidos nas xuntanzas que manteremos nas vindeiras semanas con eles.