A Fundación Secretariado Xitano recibe a Medalla Emilia Pardo Bazán 2023 [editar]

Ademais de agradecer á Consellería de Emprego e Igualdade, que é quen nos conceda a Medalla, queremos aproveitar a ocasión para poñer en valor o apoio que nos brindou a Xunta, a través dos diferentes departamentos, con especial mención á Consellería de Política Social, desde que a Fundación comezou a realizar o seu labor en Galicia. Nun primeiro momento co programa ACCEDER e posteriormente con programas como o CALÍ ou o PROMOCIONA.
A entrega de Medallas tivo lugar na Fábrica de Tabacos da Coruña, sede da Audiencia Provincial e edificio emblemático polo que representa. Na entrega estivemos acompañadas dunha ampla representación institucional e de compañeiros e compañeiras doutras organizacións sociais, cos que queremos compartir este recoñecemento polo labor que todas elas desempeñan en favor da igualdade das mulleres máis vulnerables.
A través de programas como o Calí, financiado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade, a FSG traballa nas cidades da Coruña, Lugo, Santiago e Vigo co obxectivo de mellorar a integración sociolaboral das mulleres xitanas a través do fomento da igualdade de oportunidades, da igualdade de xénero e da loita contra toda forma de discriminación, con especial atención á discriminación múltiple que sofren as mulleres xitanas e as vítimas de violencia de xénero.
Pero máis aló do traballo específico que se realiza nestes programas, a Fundación Secretariado Xitano apostou desde os seus inicios pola promoción das mulleres xitanas como motor de cambio, fomentando a continuidade nos estudos, o acceso á cualificación profesional e ao mercado laboral por conta allea. Hoxe son moitas as mulleres xitanas que contan con titulación universitaria, que accederon a un emprego cualificado, que ocupan postos de responsabilidade no ámbito público e tamén na empresa privada. Mulleres que exercen a súa cidadanía e son exemplo para toda a sociedade.

Enlaces
- A Xunta concede as Medallas Pardo Bazán á delegada de Igualdade do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Secretariado Gitano e a Executivas de Galicia
- Rueda pon en valor a importancia de loitar pola igualdade de homes e mulleres desde todos os ámbitos coa entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán
- Rueda aboga por un “feminismo amplio” con la entrega de las medallas Emilia Pardo Bazán
- A Valedora do Pobo asiste ao acto de entrega das medallas Emilia Pardo Bazán.