O Programa Sara Romí celebra en FSG Pontevedra a clausura da súa edición de 2026

O Programa Sara Romí celebra en FSG Pontevedra a clausura da súa edición de 2026 [editar]

A Casa Azul acolleu o acto de clausura do programa, no que se entregaron os diplomas ás participantes

23 de Septiembre de 2026

FSG Pontevedra

O Programa Sara Romí celebrou en Pontevedra o seu acto de clausura cun encontro na Casa Azul do Concello de Pontevedra, no que participantes e profesionais compartiron unha xornada de celebración e recoñecemento ao traballo desenvolvido durante os últimos meses.

Durante o acto realizouse a entrega de diplomas correspondentes ás accións formativas desenvolvidas no marco do programa, recoñecendo así a implicación, o esforzo e a constancia das participantes ao longo de todo o proceso. A xornada rematou cun pequeno encontro que permitiu compartir experiencias e celebrar de maneira conxunta todo o conseguido.

Ao longo desta edición, un total de 15 mulleres xitanas participaron no Programa Sara Romí en Pontevedra, formando parte dun itinerario integral no que se combinaron accións orientadas ao desenvolvemento persoal, á mellora da empregabilidade e á adquisición de novas competencias. O programa abordou ámbitos como a autoestima, a xestión emocional e a orientación laboral, xunto con diferentes actividades e formacións prácticas vinculadas á estética, á elaboración artesanal de xabóns, velas e perfumes, ao deseño de cellas e á depilación con fío, entre outras propostas.

Estas actividades permitiron non só adquirir novos coñecementos e competencias profesionais, senón tamén reforzar aspectos como a autonomía, a confianza, o traballo en equipo e a identificación das propias capacidades e potencialidades. Ao longo dos meses xerouse ademais un espazo de participación e apoio mutuo no que as mulleres puideron compartir experiencias, intereses e expectativas de futuro.

A clausura serviu tamén para poñer en valor especialmente a constancia, a participación e o compromiso das 15 participantes, que mantiveron unha elevada implicación nas diferentes fases e actividades propostas. O acto supuxo así o peche dun proceso de aprendizaxe e crecemento compartido, pero tamén un punto de partida para continuar avanzando nos seus itinerarios persoais, formativos e laborais.

O Programa Sara Romí está financiado polo Instituto das Mulleres, organismo dependente do Ministerio de Igualdade, no marco das políticas de igualdade, inclusión social e mellora da empregabilidade.

Galería

Compartir: