Propostas da Fundación Secretariado Xitano para as eleccións autonómicas galegas [editar]
De cara ás vindeiras eleccións autonómicas, dende a Fundación Secretariado Gitano lanzamos 12 propostas para avanzar na igualdade das persoas xitanas no marco da garantía dos dereitos sociais, a loita contra a discriminación e o fomento do recoñecemento e a participación.
09 de Enero de 2024
FSG Incidencia y Defensa de Derechos
As eleccións autonómicas que se celebrarán o vindeiro 18 de febreiro son clave para asentar as bases dunha etapa de recuperación tras as distintas crises, que están a afectar de maneira diferencial aos grupos en situación de maior vulnerabilidade social, como a comunidade xitana. Nun contexto de crecentes desigualdades sociais, é necesario reforzar o sistema de protección social e fortalecer as políticas sociais de maneira que se garanta a igualdade en dereitos e oportunidades para o conxunto da cidadanía.
Desde a Fundación Secretariado Xitano queremos contribuír ao proceso electoral e á toma de decisións achegando propostas en dúas direccións.
Por unha banda, reforzando as políticas de loita contra a pobreza e a exclusión social, apostando por medidas que promovan a cohesión social e os dereitos máis básicos de toda a cidadanía: garantía duns ingresos mínimos que protexan contra a pobreza asegurando oportunidades reais de activación das persoas; prioridade ás persoas en situación de maior vulnerabilidade nos investimentos en educación, emprego, vivenda e na infancia.
Doutra banda, propoñemos medidas específicas que aborden a alta incidencia da pobreza e a profunda brecha de desigualdade que afecta á comunidade xitana nos ámbitos da educación, o emprego ou o acceso a unha vivenda, entre outros; a iso súmase a discriminación e o antixitanismo que afecta a todas as esferas da vida das persoas xitanas. Requírense, por tanto, medidas para compensar a súa situación de desvantaxe, garantindo a igualdade, a inclusión e a participación en liña coa Estratexia Nacional para a Igualdade a Inclusión e a Participación do Pobo Xitano 2021-2030.
Todo iso aproveitando as oportunidades de investimento que supoñen os Fondos Europeos, tanto os Fondos NextGeneration, como o novo período de programación dos Fondos de Cohesión (FSE+ e FEDER) 2021-207, cuxos Regulamentos recollen de maneira específica á poboación xitana como un dos grupos sociais de atención prioritaria.
Situación da poboación xitana en datos
- O 86% das persoas xitanas está en situación de pobreza e o 46% en extrema pobreza
- A taxa de pobreza infantil é do 89%
- O 66% das persoas xitanas son menores de 30 anos
- 6 de cada 10 nenos ou nenas xitanas non consegue o título da ESO
- Só o 17% da poboación xitana maior de 16 anos ten completados estudos de ESO ou superiores
- Máis de 9.000 familias xitanas seguen vivindo en infravivenda e chabolismo
- A taxa de emprego é só do 30%, 16% no caso das mulleres
- O 39% das persoas xitanas senten ser discriminadas
12 propostas para avanzar na igualdade das persoas xitanas: garantía de dereitos sociais, loita contra a discriminación e promoción do recoñecemento e a participación
- PROTECCIÓN EFECTIVA, FRONTE Á POBREZA, garantindo uns ingresos adecuados ás familias en situación de maior vulnerabilidade social, asegurando ao mesmo tempo a activación das persoas para a súa inclusión sociolaboral.
- PLAN DE CHOQUE PARA COMBATER O FRACASO ESCOLAR, poñendo en marcha, medidas de orientación, de apoio e de reforzo educativo adaptadas ás necesidades do alumnado xitano para asegurar que finalizan a etapa obrigatoria, e continúan a estudos post-obrigatorios, cunha atención especial á redución da fenda dixital.
- POSTA EN MARCHA EFECTIVA DE MEDIDAS PARA PREVIR E COMBATER A SEGREGACIÓN ESCOLAR, abordando a alta concentración de alumnado xitano en determinados centros educativos ou clases.
- ATENCIÓN ESPECIAL Á INFANCIA XITANA, no deseño de medidas políticas ou asignación de recursos para abordar a pobreza infantil desde unha perspectiva integral, en liña coas prioridades de investimento establecidas para a Garantía Infantil.
- PROGRAMA PARA A ERRADICACIÓN DO CHABOLISMO que poña as bases para acabar cos asentamentos chabolistas, combinando as medidas de realoxamento con acompañamento e apoio social ás familias durante todo o proceso.
- PRIORIZAR A INTERVENCIÓN E REHABILITACIÓN DE BARRIOS EN SITUACIÓN DE ALTA VULNERABILIDADE, con investimentos que garantan non só vivendas dignas, senón a actividade
económica, as comunicacións e o acceso aos recursos e servizos públicos
- INTENSIFICAR AS POLÍTICAS ACTIVAS DE EMPREGO, ESPECIALMENTE AQUELAS DESTINADAS A COLECTIVOS DE ATENCIÓN PRIORITARIA COMO A POBOACIÓN XITANA, baseadas en itinerarios personalizados, adaptados ao perfil educativo e laboral de cada persoa para facilitar o seu proceso de inserción laboral, asegurando a formación en competencias dixitais, e tendo sempre en conta a perspectiva de xénero.
- PROTEXER E MODERNIZAR A VENDA AMBULANTE COMO UNHA ACTIVIDADE ECONÓMICA RENDIBLE E SOSTIBLE, un comercio de proximidade que contribúa ao desenvolvemento económico das cidades e pobos
- ACTUACIÓNS DIRIXIDAS A GARANTIR A IGUALDADE DE OPORTUNIDADES DAS MULLERES XITANAS, especialmente daquelas en situación de maior vulnerabilidade, promovendo medidas para o seu desenvolvemento social, persoal e laboral, que sirvan para compensar as desvantaxes e barreiras que sofren na súa dobre condición de mulleres e xitanas.
- MEDIDAS INCLUSIVAS PARA REDUCIR A FENDA DIXITAL que afecta ao conxunto da poboación xitana, como parte da cidadanía e tendo en conta a necesaria formación en competencias dixitais para o exercicio de dereitos e a igualdade de oportunidades.
- POSTA EN MARCHA DE MEDIDAS E SERVIZOS DE ASISTENCIA E ORIENTACIÓN ÁS VÍTIMAS DE DISCRIMINACIÓN POR ORIXE ÉTNICA OU RACIAL que ofrezan un marco de actuación e protección ás vítimas, desenvolvendo tamén accións de sensibilización para combater a imaxe social negativa da comunidade xitana.
- RECOÑECEMENTO INSTITUCIONAL DA COMUNIDADE XITANA E PROMOCIÓN DA PARTICIPACIÓN, poñendo en valor a súa historia e a súa cultura, e xerando as condicións para unha participación plena das persoas xitanas nas distintas esferas da sociedade.
Máis información no folleto de propostas en Galicia.
← VOLVER A LA PÁGINA PRINCIPAL DE ACTUALIDAD