A FSG Ourense conmemora o Día Internacional do Pobo Xitano cun acto organizado polos participantes do programa Formatéate con Garantía

A FSG Ourense conmemora o Día Internacional do Pobo Xitano cun acto organizado polos participantes do programa Formatéate con Garantía [editar]

8 de Abril de 2026

FSG Ourense

O acto combinou momentos de reflexión, expresión e encontro intercultural, incluíndo a lectura dun comunicado, a proxección dun vídeo elaborado polo grupo e unha mostra cultural arredor do café xitano e da diversidade das súas orixes.

Hoxe, con motivo do 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano, a FSG Ourense acolleu un emotivo acto conmemorativo no Centro Cívico da Cuña, organizado polas persoas participantes do programa Formatéate con Garantía, quen foron as verdadeiras protagonistas da xornada.

O encontro desenvolveuse nun ambiente de respecto e sensibilidade, no que se deu espazo á palabra, á reflexión e á expresión da identidade. A lectura do comunicado do Grupo de Participación Xitana da Fundación Secretariado Xitano, acompañada pola música do himno Gelem Gelem, marcou un dos momentos máis significativos, abrindo paso a unha aproximación ao seu significado e á súa carga simbólica.

A xornada continuou coa proxección dun vídeo elaborado polas propias persoas participantes, no que se recollen distintas voces arredor do que significa ser xitano ou xitana na actualidade, incorporando tamén outras miradas que contribuíron a xerar un diálogo aberto e enriquecedor.

Como peche, a música e a tradición estiveron moi presentes, cunha actuación e a preparación do café xitano, compartindo coas persoas asistentes tanto o proceso de elaboración como o seu valor cultural. Ademais, o grupo quixo facer partícipes aos seus compañeiros e compañeiras doutros países, incorporando tamén pratos típicos das súas culturas e creando así un momento de encontro e convivencia.

Foi unha xornada moi emotiva, na que as persoas participantes compartiron experiencias e reflexións nun ambiente de encontro que puxo de relevo a importancia de seguir construíndo espazos de entendemento e convivencia.

Galería

Compartir: