|

A FSX NO 2007 A realización do Programa Acceder en Galicia, que no inicio tivera que asumir unha clara dificultade para achegar resultados, chega á fin da execución da súa primeira andaina tendo superados todos os obxectivos cuantitativos planificados, tanto no seu inicio para as localidades de Pontevedra e Vigo, como na revisión realizada entre os anos 2003 e 2004 con motivo da ampliación a Lugo e Santiago de Compostela. Pero esta consecución de obxectivos non fica no plano puramente formal, senón que avanza no ámbito do cualitativo. Así, a preocupación pola consecución de contratos de traballo, presente de maneira continua durante os primeiros anos, foi substituída paulatinamente por unha preocupación pola inserción no mercado de traballo, realizando unha supervisión constante da duración media das contratacións, así como do número de contratos de traballo que superan os seis meses de duración. Este cambio de orientación non fixo esquecer a necesidade de dotar de oportunidades ás persoas xitanas dentro do mercado laboral de Galicia, pero sitúa ese esforzo nun marco de continuidade e de loita contra a precariedade. Claro que, nada disto sería posible sen un avance continuado nos niveis de formación e na experiencia laboral acreditable por parte das persoas que participan no Programa Acceder. Todos estes aspectos puxéronse de manifesto na Memoria Estatal 2000-2007, así como na memoria autonómica “Acceder. Informe de resultados 2000-2006”.

Os resultados do Programa Acceder, que están modificando o perfil ocupacional da poboación xitana de Galicia, permitiron, ao mesmo tempo, poñer en marcha outras iniciativas de formación e emprego. Destacan, pola súa relevancia, as realizadas coa Consellería de Traballo, tanto no marco do Servizo Público de Emprego de Galicia (antigo Servizo Galego de Colocación) como no da Rede de Técnicos de Emprego. No Servizo Público de Emprego (SPE) trátase de introducir a orientación laboral do Programa Acceder nun marco máis normalizado, de tal xeito que os propios itinerarios da poboación xitana sexan homologados como IPI's, que permitan acceder directamente a itinerarios formativo-laborais. A Rede de Técnicos de Emprego permite que a prospección dos mercados de traballo de baixa cualificación realizada ao abeiro do programa Acceder estea en relación cunha rede máis ampla, de profesionais, centrada especialmente no autoemprego e no reforzo da capacidade emprendedora, pero tamén na análise dos mercados de traballo da nosa Comunidade.

Ademais dos éxitos do Programa Acceder, a Fundación Secretariado Gitano en Galicia mantivo o pulo pola diversificación de actividades, especialmente no ámbito da Acción Social. Ademais da intervención realizada en Vigo, a mellor dotada desde o punto de vista económico e humano, xeralizouse unha intervención no ámbito da vivenda que, a pesar das diversas formas adoptadas, comparte en todas as localidades a metodoloxía da información e orientación personalizada, o acompañamento nas fases iniciais da busca de vivenda e a mediación para a resolución de conflitos. Onde maior incidencia tiveron as iniciativas da FSG no ámbito da vivenda foi na erradicación do chabolismo. De feito, para a Administración Autonómica e para as diferentes Administracións Locais, o Secretariado Xitano converteuse na entidade de referencia para a realización de actuacións de asistencia técnica e de intervención directa en materia de erradicación do chabolismo, nomeadamente desde o punto de vista da educación familiar e o acompañamento social.

Outros ámbitos de incidencia da Acción Social foron a saúde e a educación. A sinatura dun convenio de colaboración entre a Fundación e a Consellería de Sanidade, para a realización de actividades de prevención con menores en risco e para o desenvolvemento de accións formativas con profesionais da saúde supoñen un avance tanto desde o punto de vista do alcance territorial como da visibilidade pública da nosa intervención en materia de saúde. No ámbito educativo, as pequenas experiencias realizadas no ámbito local van dando orixe a programas máis estables, como o de Educación de Persoas Adultas ou o de Compensación Educativa. Ademais, o 2º Encontro de Estudantes Xitanos de Galicia permitiu poñer en común as experiencias para sistematizar a intervención e para o reforzo mutuo entre estudantes.
Todas estas iniciativas están permitindo unha nova expansión territorial da FSG en Galicia. Á intervención en Poio, no ámbito da vivenda, comezada en 2006, pero estabilizada e consolidada durante o ano 2007, sucedéronlle as actuacións en Narón (vivenda e educación) e O Porriño (educación). A estas realidades, hai que engadir a atención a outras demandas, de carácter máis puntual, pero igualmente significativas, como as actuacións realizadas en Ribadavia ou na Coruña. Este crecemento, nun momento complexo, pola finalización inminente do primeiro Programa Operativo Acceder, e o comezo da súa segunda xeira, máis ambiciosa en obxectivos pero máis modesta en recursos, non sería posible de non contar cunha planificación estratéxica. Contar cun Plan Estratéxico 2000-2006 para toda a Entidade, supuxo unha oportunidade para realizar unha adaptación autonómica para o período transitorio 2007-2008, no entanto non se aproba o novo Plan Estratéxico da Fundación. Así, a FSG asume o reto de ser a entidade de maior dimensión e con maior capacidade de análise , de realización de propostas e de desenvolvemento de intervencións coa poboación xitana de Galicia, nun momento en que é preciso aproveitar o contexto institucionalmente favorable, e de abordar a problemática da discriminación e da presenza crecente de movementos antixitanos na nosa terra.
|